Monday 06 de May de 2024

María Vilas e Pablo Lijó, gañadores absolutos da XI Gala do Deporte de Riveira


O Natural Sport Videlgi repite como mellor club

A Gala do Deporte de Riveira alcanzou onte a súa undécima edición nun Auditorio totalmente abarrotado no que se quixo distinguir aos mellores deportistas, clubs, entidades e colaboradores na tempada 2015.

Nesta ocasión, a futura olimpista María Vilas Vidal, do Club Natación Riveira, e Pablo Lijó Santos, integrante do circuíto World Padel Tour que está reservado á elite do pádel Mundial, se erixiron nos mellores deportistas absolutos en categorías feminina e masculina, en tanto que o Natural Sport Videlgi repitiu como mellor club.

A Gala, de hora e media de duración, estivo conducida pola coñecida parella de cómicos Pedro Brandariz e Fran Rey quen provocaron as constantes gargalladas do público reunido co seu humor tan particular.

Mencións especiais
O acto comezou coa entrega de becas municipais a 16 deportistas do municipio para, a continuación, iniciar a cerimonia de entrega de premios tras as palabras introdutorias do concelleiro Anxo Orellán. O bloque tivo como protagonistas ás mencións especiais, que foron destinadas a Adrián Jiménez dos Santos (unha das maiores promesas do taekwondo local cuxa brillante carreira en competición tivo que ser truncada por problemas de saúde e agora principia unha nova carreira como adestrador), Ventura Mariño Paz “Tura” (persoa importante no fútbol local que destacou pola súa traxectoria primeiro como xogador e logo como adestrador en distintas categorías do Club Atlético Riveira) e Vicente Fernández García a título póstumo, quen fora director do colexio Bayón, un home entregado ao deporte base e ás diferentes manifestacións deportivas no noso concello (recolleu o galardón o seu fillo).

O seguinte turno estivo dedicado ao labor informativo (Álvaro Sevilla Gómez, redactor de La Voz de Galicia), Patrocinio Deportivo (Centro de Fisioterapia e Rehabilitación María Martínez Paz) e Labor Técnica (Sandra Sánchez e Jesús Silva, adestradores do Club Remo Riveira).

Nos terceiro bloque premiáronse o Equipo de Competición Destacado (o equipo feminino do SD Xuventú Aguiño), Promoción do Deporte Escolar, Base e Deporte para Todos (Club Santa Uxía Atletismo) e Mellor Evento Deportivo (III Ultratrail do Barbanza).

A continuación tería lugar a entrega dos galardóns correspondentes a Mellor Deportista en Disciplinas non Olímpicas (Iván Parada Novo), Mellor Deportista Feminina de Deportes de Equipo (Alba Muñiz Rodríguez, do SD Xuventú Aguiño) Mellor Deportista Masculino de Deportes de Equipo (Adrián Armental González, que milita nas filas do Coruxo) e Mellor Deportista Sub 18 Masculino (Jorge González Mariño, do Club Natación Riveira) e Feminino (Clara Otero Pérez, tamén do Club Natación Riveira).

Finalmente terían lugar as categorías máis importantes, nas que xunto con María Vilas e Pablo Lijó como gañadores absolutos (recolleron os premios o seus correspondentes irmáns por atoparse aqueles fóra do concello), tamén se entregaron os galardóns ao mellor deportista con discapacidade (Álex Vidal, do Club Natural Sport) e mellor club, o Club Natural Sport Videlgi, que entre outros moitos merecementos proclamouse en 2015 por noveno ano consecutivo Campión de España de Clubs, acaparando 20 medallas en campionatos internacionais, 71 medallas en campionatos de España e 186 medallas en campionatos galegos.

A gala finalizou como vén sendo tradicional coa intervención do alcalde Manuel Ruiz, quen achacou ao labor dos clubs e das familias o excelente estado de saúde que está a vivir en Riveira o mundo do deporte, destacando sobre todo á xesta de María Vilas ao clasificarse para os Xogos Olímpicos de Río, no que ten a esperanza de que se sume tamén a triplista Ana Peleteiro.